Friday 17 de May de 2024

A Xunta intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas


Ángeles Vázquez asevera que o Goberno central xa non ten  escusas para que  despregar os seus medios na Comunidade unha vez activado o nivel 2 do plan galego de loita contra o contaminación mariña accidental

Fai fincapé no respecto institucional e na vontade de colaboración de Galicia en contraposición á falta de comunicación e ás trabas por parte do Executiva central

Lamenta que o Goberno central tardara case un mes en comunicar oficialmente á Xunta a información remitida polas autoridades portuguesas sobre o buque Toconao

 

A Xunta de Galicia intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Durante a reunión que mantivo esta tarde con técnicos de MeteoGalicia para analizar a evolución das correntes mariñas, á que tamén asistiron o subdirector xeral de Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e a directora de Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, avaliáronse as previsións meteorolóxicas e a súa incidencia no desprazamento do material vertido polo mercante Toconao en augas portuguesas. Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que un cento de efectivos se unirán, nos próximos días, ás máis de 200 persoas do operativo medioambiental despregado pola Xunta.

 

A maiores, como avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Comunidade elevou ao nivel 2 o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal) tendo en conta, entre outros, as predicións de MeteoGalicia.

 

Así, segundo incidiu Ángeles Vázquez, “o Goberno central debe actuar dentro das súas competencias e, sobre todo, no mar”. “Xa non hai escusas”, aseverou a vicepresidenta segunda, que engadiu que o Executivo central debe despregar xa os seus medios no ámbito mariño co obxectivo de recoller a maior cantidade posible de sacos evitando así a chegada de pequenas partículas á costa, cuxa retirada resulta moito máis complexa.

 

A responsable do Executivo autonómico fixo fincapé no respecto institucional e na vontade de colaboración de Galicia en contraposición á falta de comunicación e ás trabas por parte do Goberno central.

 

Nesa liña, salientou que hoxe mesmo transcendeu publicamente que as autoridades portuguesas comunicaron ao Executivo central o propio día 8 de decembro que o buque Toconao perdera seis contedores, un dos cales contiña material plástico. Sen embargo a vicepresidenta segunda lamentou que esa información non fora trasladada á Xunta, de xeito oficial, ata o día 3 de xaneiro, diminuíndo a capacidade de Galicia de activar unha resposta integral á posible chegada de restos á costa.

 

De feito, cómpre lembrar que a Goberno autonómico detectou a mediados do mes de decembro a chegada puntual de residuos plásticos a algúns areais, dos que descoñecía a súa orixe, e malia notificar esta incidencia ao Executivo central, este en ningún momento advertiu ás autoridades galegas do acontecido nas costas portuguesas co buque Toconao só uns días antes.